CITAS PARA PENSAR

ACTUALIDADE


martes, 3 de maio de 2011

Comunicado da Plataforma en Defensa da sanidade Pública de Ferrol

Comunicado da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol (PDSPF).

Diante da Rolda de Prensa efectuada na pasada semana pola Deputada no Parlamento Galego do Partido Popular, Dona Natalia Barros, na que fai balance da xestión da Xunta de Galicia na comarca de Ferrol nestes dous anos, a PDSPF, referíndonos exclusivamente ó que se refire ó noso ámbito de actuación: A defensa da Sanidade Pública queremos MANIFESTAR:
As propias palabras da Deputada do Partido Popular dan fe do nulo compromiso coa Sanidade Pública nesta comarca da actual Xunta de Galicia cun pobre investimento de 4 millóns de euros maioritariamente destinados, non a infraestructuras, equipamentos ou persoal, senón a financiar programas asistenciais e a concertos con asociacións sociosanitarias en materia de saúde mental, drogodependencia, etc e á construcción do novo centro de saúde de As Somozas, durante moito tempo paralizada.

A Área Sanitaria de Ferrol nestes dous anos foi absolutamente ninguneada e desprezada pola actual Xunta de Galicia e se concreta en:

a) Por vez primeira en Galicia, desde que a Sanidade Pública está transferida, diminúe o orzamento da Consellería de Sanidade e do Sergas, afectando directamente ó orzamento do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide.
b) Quedou suspendido o Plan de Mellora de Atención Primaria, que ía posibilitar unha reducción importante nas listas de espera, co que o incremento de persoal previsto para a Área sanitaria de Ferrol, de médicos, enfermeiros, fisioterapeutas etc, non foi aplicado.

c) Paralización do Plan Director do Marcide e das melloras que nese plan se recollían.

d) Reducción das contratacións de persoal e precarización dos contratos, o que ten como resultado unha peor calidade asistencial e aumenta as listas de espera.

e) Non asignar ningunha cantidade económica para o Plan de Alta Tecnoloxía.

f) Eliminación do investimento comprometido de 63 millóns de euros , en tres anos, para reformar e actualizar o Hospital Naval, que permitiría a esta Área Sanitaria estar á altura de calquera outra e mesmo revisar os concertos con Hospitais e Clínicas Privadas.

g) Pola contra se mantén o concerto do Juan Cardona por un importe de 13 millóns de euros anuais, o segundo de Galicia despois de Povisa-Vigo.

h) Proxecto de construcción con financiamento privado a cambio da privatización da xestión, dos novos centros de Saúde de A Capela, Ares, Cedeira e Narón, posibilitando incluso espazos comerciais dentro dos mesmos.

i) Incremento das listas de espera nalgunhas das especialidades, sendo especialmente rechamantes as de Traumatoloxía.

Como conclusión, en materia de Sanidade Publica, estes dous anos de xestión da actual Xunta de Galicia, supoñen un gran retroceso para esta comarca e o balance que fai a deputada do Partido Popular, Natalia Barros, é absolutamente sesgado, lonxe da realidade e que obedece exclusivamente a intereses electorais.

Desde a PDSPF facemos un chamamento a toda a cidadanía para que defenda un dereito que está en perigo de privatización e de establecemento de copago: A Sanidade Publica estase a converter, seguindo os modelos fracasados de Valencia e Madrid, nun negocio como está xa sucedendo coa construcción do novo Hospital de Vigo e como vai suceder, pasadas as eleccións municipais, con transporte sanitario coa aplicación do novo decreto 11/2011 do 20 de xaneiro, que vai establecer o copago para doentes crónicos como os de diálise ou os que acudan a rehabilitación o a tratamentos oncolóxicos, etc.

Ferrol a 3 de maio de 2011.
Asdo./ Salustiano Gómez e Xosé Miguel López, portavoces da Pdspf.

Ningún comentario: