CITAS PARA PENSAR

ACTUALIDADE


xoves, 16 de novembro de 2017

Historias do rural, "A vaca posta"

Érase unha vez un cativo inquedo, que sempre andaba arredor do pai, este tamén gostaba do pequeno e quería ensinalo nas "cousas da vida", polo que decidíu levalo con el á feria do 1º das Pontes, nin decir ten que o pai era un potentado dos daquela, con varias vacas postas e non perdía feira para cobrar a súa renda... e os seus posteiros esperaban aquela data con ledicia, cousa estrana para daquela, non vos parece? Así, a noite anterior o pai díxolle ao fillo que ao día seguinte iría á feira con el que se deitara cedo e apurara a durmir. O cativo foi para a cama, pero por moito que quixo non prendía sono pensando no que acontecería na feira.
Pola mañán nada máis o pai berrou dende a cociña o cativo pegou un brinco e visteuse nun santiamén, almorzaron forte, porque o camiño aínda que en cabalo ía ser longo e canso, mais ao cativo fíxoselle curto no pensamento, pero "duro" no cú xa que non estaba afeito a tanta andadura.
Por fin chegaron e veu coma moitos viñan a saudar ao pai, "¿serán estes os posteiros?", como bo fillo que era non interrompeu nin meteu baza na conversa, escoitaba, cavilaba e decatouse que ao seu pai o tiñan en moita estima, eran veciños e parentes que viñan a interesarse pola familia e veciñanza, non había outra forma de ter novas máis certeiras. Pero o cativo estaba ansioso, as novas da familia coñecíaas todas e as da outra parte eran as mesmas pero noutras parroquias, quería ver aos posteiros, quería ver coma o seu pai cobraba as rendas e chegou o momento, naquela feira do 1º das Pontes había tres posteiros con tres becerros e o cativo de contas non sabía, pero de becerros sí, non facía outra cousa que andar no medio deles cando viña da escola de Don Javier e ao velos abríronselle os ollos que parecía que lle ían escapar, detalle que non lle pasou por alto ao pai xa que sabía o que o cativo entendia de becerros, pero estaba por ensinarlle outra vivenza e chegou o momento, -Don Manoel, vou cerralo trato, quere vir? -Non Paco, ti ben sabes o que tes que facer, xa nos vemos onda o ferreiro que teño que coller uns fouciños. -Moi ben Don Manoel. -Meu pai, e logo cóma non vai con el e si o engana? -Fillo, non te fixaches que cando falaba cos parentes íalles preguntando en canto compraran ou venderan, eu sei coma vai a feira de hoxe, non rabees, ademais os posteiros son firmes na palabra e eu máis. O cativo ergueu as cellas, non sabía o que quería decir o seu pai. E fóronse chegando a onde o ferreiro e o Paco xa estaba alí, esperou a que don Manoel rematara cos fouciños e foi cara el, -Don Manoel, o becerro vendino en 6500 reais, -Boa feira sí señor, tamén tiñas bo becerro, mantiveches ben, -É que no 1º do nadal hai boa venda, veñen os ferroláns de fóra e ghóstalles o bo comer, -Tamén saben que mantés ben, -Sí eso tamén é certo, aí o vai 3250 reais e a Marela xa está de seis meses, si dioloquere d'hoxe nun ano facemos feira, -Dioloqueira Paco, mira aí van 200 reais, cómpralle algho a Facunda e máis ao pequeno que logho o has traer á feira coma eu hoxe ao Fermín, -Ghracias Don Manoel, deusllelopaghe. -Papá e coma lle deu 200 reais se eran seus, -Fermín, Fermín, comer estaba ben, pero se empachas perdes todo, e non cres que a 3000 reais  por xato non fixemos boa feira? -Sí, pero si lle dá 200 reais a cada un, perdemos 600 reais, -Vexo que en matemáticas Don Javier ensinoute ben, pero vouche explicar algo, o trato do posteiro é que na venda do xato imos a medias, pero estes homes son firmes na palabra e saben que eu despois do trato doulles unha propina, non crees que para a próxima feira non han traer un xato ben mantido por que saben do meu proceder? Meu fillo, o que moito quere pouco apreta, ademais convidaronnos aos chourizos e ao viño, eso tamén son cartos na faltriqueira, jajajaja.
Así foi como Don Manoel lle ensinou ao seu fillo Fermín o que ao seu pai lle ensinara o seu avó, o que xa non estaba tan seguro é de que ao Fermín lle entrara nos miolos, a escola de Don Javier está ben, pero o moito correr non lle chista, pero son os tempos modernos.
Ano do noso señor 1952.