CITAS PARA PENSAR

ACTUALIDADE


luns, 24 de setembro de 2018

De aquellos lodos... estas lamas

O tempo corre coma un lóstrego.
Os acontecementos da vida cotidiá fanme discurrir como cando vas nunha rúa, sabes que esa é a dirección e o sentido que queres levar, ás veces quero parar e outras correr, pero a cantidade de xente que vai tanto no meu sentido coma no contrario modula o meu devagar.
Entón busco un tempo para reflexionar e aparece cando menos o penso, e me digo; non o fixeche tan mal, hai marxe de mellora, levou tempo chegar ata aquí, agora non teñas presa.

xoves, 16 de novembro de 2017

Historias do rural, "A vaca posta"

Érase unha vez un cativo inquedo, que sempre andaba arredor do pai, este tamén gostaba do pequeno e quería ensinalo nas "cousas da vida", polo que decidíu levalo con el á feria do 1º das Pontes, nin decir ten que o pai era un potentado dos daquela, con varias vacas postas e non perdía feira para cobrar a súa renda... e os seus posteiros esperaban aquela data con ledicia, cousa estrana para daquela, non vos parece? Así, a noite anterior o pai díxolle ao fillo que ao día seguinte iría á feira con el que se deitara cedo e apurara a durmir. O cativo foi para a cama, pero por moito que quixo non prendía sono pensando no que acontecería na feira.
Pola mañán nada máis o pai berrou dende a cociña o cativo pegou un brinco e visteuse nun santiamén, almorzaron forte, porque o camiño aínda que en cabalo ía ser longo e canso, mais ao cativo fíxoselle curto no pensamento, pero "duro" no cú xa que non estaba afeito a tanta andadura.
Por fin chegaron e veu coma moitos viñan a saudar ao pai, "¿serán estes os posteiros?", como bo fillo que era non interrompeu nin meteu baza na conversa, escoitaba, cavilaba e decatouse que ao seu pai o tiñan en moita estima, eran veciños e parentes que viñan a interesarse pola familia e veciñanza, non había outra forma de ter novas máis certeiras. Pero o cativo estaba ansioso, as novas da familia coñecíaas todas e as da outra parte eran as mesmas pero noutras parroquias, quería ver aos posteiros, quería ver coma o seu pai cobraba as rendas e chegou o momento, naquela feira do 1º das Pontes había tres posteiros con tres becerros e o cativo de contas non sabía, pero de becerros sí, non facía outra cousa que andar no medio deles cando viña da escola de Don Javier e ao velos abríronselle os ollos que parecía que lle ían escapar, detalle que non lle pasou por alto ao pai xa que sabía o que o cativo entendia de becerros, pero estaba por ensinarlle outra vivenza e chegou o momento, -Don Manoel, vou cerralo trato, quere vir? -Non Paco, ti ben sabes o que tes que facer, xa nos vemos onda o ferreiro que teño que coller uns fouciños. -Moi ben Don Manoel. -Meu pai, e logo cóma non vai con el e si o engana? -Fillo, non te fixaches que cando falaba cos parentes íalles preguntando en canto compraran ou venderan, eu sei coma vai a feira de hoxe, non rabees, ademais os posteiros son firmes na palabra e eu máis. O cativo ergueu as cellas, non sabía o que quería decir o seu pai. E fóronse chegando a onde o ferreiro e o Paco xa estaba alí, esperou a que don Manoel rematara cos fouciños e foi cara el, -Don Manoel, o becerro vendino en 6500 reais, -Boa feira sí señor, tamén tiñas bo becerro, mantiveches ben, -É que no 1º do nadal hai boa venda, veñen os ferroláns de fóra e ghóstalles o bo comer, -Tamén saben que mantés ben, -Sí eso tamén é certo, aí o vai 3250 reais e a Marela xa está de seis meses, si dioloquere d'hoxe nun ano facemos feira, -Dioloqueira Paco, mira aí van 200 reais, cómpralle algho a Facunda e máis ao pequeno que logho o has traer á feira coma eu hoxe ao Fermín, -Ghracias Don Manoel, deusllelopaghe. -Papá e coma lle deu 200 reais se eran seus, -Fermín, Fermín, comer estaba ben, pero se empachas perdes todo, e non cres que a 3000 reais  por xato non fixemos boa feira? -Sí, pero si lle dá 200 reais a cada un, perdemos 600 reais, -Vexo que en matemáticas Don Javier ensinoute ben, pero vouche explicar algo, o trato do posteiro é que na venda do xato imos a medias, pero estes homes son firmes na palabra e saben que eu despois do trato doulles unha propina, non crees que para a próxima feira non han traer un xato ben mantido por que saben do meu proceder? Meu fillo, o que moito quere pouco apreta, ademais convidaronnos aos chourizos e ao viño, eso tamén son cartos na faltriqueira, jajajaja.
Así foi como Don Manoel lle ensinou ao seu fillo Fermín o que ao seu pai lle ensinara o seu avó, o que xa non estaba tan seguro é de que ao Fermín lle entrara nos miolos, a escola de Don Javier está ben, pero o moito correr non lle chista, pero son os tempos modernos.
Ano do noso señor 1952.

domingo, 30 de setembro de 2012

Medios e outras herbas!!

Hoxe despois de moooooito tempo (e dun tirón de orellas de alguén que non coñezo) entrei aquí (se digo que ía facelo hoxe a que non me creedes), e fixen limpeza dalgúns links, non por que quixera facelo se non por que estaban incluso máis abandonado co meu.
Hoxe en día hai moitas fiestras abertas para asomarnos e amosarnos ao exterior, demasiada información.
Demasiada, non, a información nunca é demasiada, o carallo é usala ben. Pero non vou ser eu quen diserte no que é un bon ou mal uso da mesma.
Só voto en falta un lugar onde poder falar e discutir de calquer cousa e sacar conclusións que servisen para o futuro.
Pero eso se cadra é para outro día de vento, que é cando se debe aproveitar a limpar.

xoves, 5 de abril de 2012

Fragas do Eume - Paraiso natural en peligro

Manifesto lido polo alcalde de A Capela D. Manuel Meizoso o día 03/04/2012

Estimados veciños/as:
Coa rabia e indignación  recentes e moi presentes, non podemos nin queremos caer nestes momentos no derrotismo, e despois do que ven de acontecer coas nosas Fragas non nos queda outra que erguernos para ofrecer e esixir solucións coa forza da unión e da conciencia cidadá, deixando á marxe os intereses partidistas que a nada conlevan.
Dende as Institucións debemos adoptar e promover medidas que repercutan directamente no coidado e mantemento dos nosos montes e fragas. axudando e apoiando aos seus donos legais a que poidan manter limpos os espacios, contribuindo así á conservación dos mesmos.
Entendemos que o acaecido nas Fragas do Eume esixe que se tramiten de xeito inmediato as axudas oportunas para acadar o seu xusto rexurdimento, e que éstas achegas repercutan nos propietarios afectados.
A todos nos corresponde coidar e mimar as nosas fragas, é o deber ao que estamos obrigados polo dereito que temos a disfrutalas e non debemos esquecer que as disfrutamos gracias á xenerosidade dos seus propietarios, aos que agora toca corresponder co noso apoio.
Esiximos tamén que este atentado contra a natureza non quede impune. Debemos aprender a lección, e que este alto precio que hoxe pagamos nos sirva como punto de partida para acadar unha nova xestión das Fragas do Eume, onde os lexítimos propietarios e as administracións compartamos a xestión das mesmas de xeito consesuado.
Teremos que traballar todos xuntos, aparcando as nosas respectivas cores políticas, compartindo un obxetivo común: poñer en marcha políticas activas que redunden na conservación e mantemento dos nosos montes e fragas. Dotando de medios humáns e técnicos suficientes para non ter que volver a vivir unha situación deste calibre. Este obxetivo común debe pasar irremesiblemente, por unha protección compatible cos usos e aproveitamentos tradicionais destes espacios protexidos.
No intre de facermos balance desta traxedia natural, non podemos tampouco deixar de demandar a inminente adopción das medidas necesarias para podermos contar de inmediato cun protocolo de actuación perfectamente definido, que dirixa e organice por sectores a extinción. Contando con cuadrillas participadas polos propietarios dos terreos, como mellores coñecedores da zona para evitar así as situacións de descoordinación que limiten o efecto das actuacións desenvolvidas.
Non nos vai impedir, este estado de dor polo perdido e de indignación polo acaecido, ter moi presentes aos efetivos que lle prantaron cara a esta lamentable catástrofe. Queremos dar o noso máis profundo agradecemento dende o orgullo e admiración aos veciños, homes e mulleres que loitaron contra as lapas, e especialmente aos voluntarios de Protección Civil, Corpos de Seguridade do Estado e Autonómicos, así como ás brigadas forestais desprazadas dende toda a Comunidade e á Unidade Militar de Emerxencias.
Fíxonos moito dano, quíxosenos queimar a nosa historia e o noso futuro, pero somos un pobo que sabemos que o noso futuro está nas nosas máns, e que se hai unhas mans preparadas para poñerse a traballar, esas son as das nosas xentes. Ninguén, nunca, poderá queimarnos o noso futuro.


Lido no Concello de Cabanas o día 02/04/2012
pola Concelleira de Medio Ambiente e Turismo, Dª Eva Pazos
MANIFESTO EN DEFENSA DOPATRIMONIO NATURAL

Galicia é verde. Os nosos montes son un patrimonio dun incuestionable valor. Tanto pola súa importancia como reserva de natureza, de pulmón que nos fornece de osíxeno, como polo seu potencial grazas ás diversas actividades económicas que xiran ó seu redor. A vida dos galegos está vinculada moi estreitamente co verde dos nosos montes, coas nosas fragas, cos nosos bosques e carballeiras.

         É por iso que non podemos facer outra cousa que condenar enerxicamente as actuacións deses individuos que movidos non se sabe por qué estrañas intencións atentan contra os nosos montes prendéndolles lume. Porque estas accións veñen a supoñer unha agresión directa contra a nosa forma de vida. Porque poñen en perigo os nosos ecosistemas e a vida de especies animais e vexetais que moitas veces non se poden recuperar. Os pirómanos que lle prenden lume a Galicia teñen que saber que a sociedade está farta, que non está disposta a seguir permitíndolles andar impunes logo do dano que nos están a facer, xa non só a nós, senón tamén ós nosos fillos e fillas, netos e netas, que ven como espazos de gran valor natural se estragan pola acción duns desalmados.
Todos debemos ter moi claro que incendios como o desta fin de semana nas Fragas do Eume son un atentado contra o noso patrimonio natural. Co lume ponse en risco unha fraga que é un espazo de incalculable valor natural e ambiental.
Coa mesma intensidade coa que denunciamos as accións delictivas, nos comprometemos a traballar conxuntamente para defender, recuperar e poñer en valor o patrimonio natural que heredarán os nosos fillos.
Todos contra o lume, todos contra os que o prenden.